Tuesday 30 de April de 2024

O Concello impulsará os trámites para recuperar a propiedade da Casa Cornide tras culminar o proceso para declarala BIC, posto en marcha hai 17 meses


A alcaldesa, Inés Rey, celebra que finalmente a Xunta resolvese a solicitude de declaración de BIC presentada polo Concello, e solicitará que o inmoble abra ao público para visitas dun xeito inmediato

A alcaldesa da Coruña Inés Rey, celebra que, aínda que 17 meses despois de presentada a solicitude por parte do Concello, a Xunta declarase hoxe a Casa Cornide como Ben de Interese Cultural. O Concello da Coruña incorporará agora dita declaración ao expediente co que acudirá aos xulgados para demandar a propiedade do ben, en mans da familia Franco desde 1962.

En decembro do 2019 o Concello creou tres grupos de traballo para preparar o expediente de declaración de BIC, un deles do Instituto Cornide, outro encabezado polo catedrático Vigo Trasancos e un terceiro de carácter xurídico encargado a tres catedráticos da UDC. No 28 de outubro do 2020 e xa cos informes rematados, o Concello solicitoulle á Xunta a declaración de BIC da Casa Cornide, que non se resolveu ata hoxe.

A alcaldesa lembrou que o Concello xa comparecera na reclamación da propiedade de Meirás, e indicou que un dos obxectivos da declaración como BIC é precisamente poder demandar tamén pola vía xudicial a restitución da Casa Cornide ao patrimonio público municipal. O Concello, indicou, solicitará agora á Xunta toda a documentación sobre o inmoble para apoiar esa demanda, que nas vindeiras semanas se concretará nos xulgados.

En paralelo, indicou a rexedora, solicitarase que, igual que se fixo con Meirás no seu día, a Casa Cornide abra de xeito inmediato ao público.